O Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello de Narón chega á súa recta final este xoves
Sobre este episodio
O Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello de Narón chega á súa recta final este xoves. A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, lembrou que hoxe remata o certame, no que participan un total de 17 establecementos de hostalería da cidade. Ademais, tamén se reunirá o xurado encargado de valorar as diferentes tapas presentadas nesta edición. O xurado estará formado por Miguel Caruncho, docente de Cociña e Hostalería no CIFP Fraga do Eume; Nerea Armendáriz, instagramer especialista en cociña; e José Barroso, xefe de cociña do Pazo Libunca. Eles serán os encargados de degustar as 17 tapas que se serviron desde o pasado 27 de febreiro. Os responsables dos establecementos optan a dous premios: un concedido polo xurado e outro a través da votación popular realizada pola clientela, que puntuou as tapas a través dun código QR. En ambos os casos, o premio consiste en 500 euros, unha chaqueta de chef e unha placa conmemorativa do evento. A clientela tamén participou activamente no certame, xa que ao votar polas súas tapas favoritas entra no sorteo de tres ceas valoradas en 100 euros cada unha, que se celebrarán nos establecementos participantes. Entre as tapas que aínda se poden degustar hoxe figuran propostas como canelóns de Entroido, volcán canario, empanadilla sobre crema de pataca, flor de Olivo, gyoza clandestina, revolto de lacón con grelos, tortilla de Entroido, filloas recheas de carne de porco, quesadilla galega, entre outras. As diferentes elaboracións poden consultarse na páxina de Facebook Narón Gastronómico.