'Reconversión', a nova montaxe de Ibuprofeno Teatro, chega a Narón con música en directo e memoria histórica
Sobre este episodio
A compañía Ibuprofeno Teatro presenta esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón a súa última creación, Reconversión, unha obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que mestura teatro, música en directo e memoria histórica para reflexionar sobre a reconversión naval na Ría de Vigo. As funcións terán lugar o venres 25 de abril ás 20:30 h e o sábado 26 ás 20:00 h. O elenco, formado por oito actores-músicos, dá vida a unha charanga que acompaña ao público nunha viaxe dende a posguerra ata os anos do 'felipismo'. A peza está inspirada na vida do pai do autor, traballador do estaleiro Ascón durante tres décadas, e repasa momentos clave como as mobilizacións obreiras dos anos 70 e 80. Con humor, retranca e elementos de verbena galega, Reconversión ofrece unha ollada íntima e crítica sobre un período de profundos cambios sociais e económicos. A obra conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Catoira e a MIT de Ribadavia.